LG está a preparar televisores conectados con tecnoloxía de Google

luns, 7 de maio do 2012 Marcus Fernández

A eclosión dos televisores conectados contrasta coas dificultades que está a ter Google TV en consolidarse, pero parece que as tornas comezan a cambiar, e que finalmente a compañía de Mountain View vai conseguir introducirse nos televisores, sendo un salto significativo nesta dirección o que dará LG Electronics nun par de semanas, co lanzamento do seu primeiro televisor con Google TV, que comezará a producirse o 17 de maio en México, segundo vén de anunciar Ro Seogho, vicepresidente executivo da unidade de televisión de LG a un grupo de xornalistas.
Este lanzamento de LG parece estar provocado como defensa preventiva ante a posibilidade de que Apple lance unha liña de televisores a finais de ano ou a primeiros do ano que vén. A compañía surcoreana non detallou nin os modelos nin os prezos dos novos televisores, que inicialmente sairían nos EE.UU. para avaliar a resposta do mercado para ver se amplían esta oferta posteriormente a Europa e Asia.
A tecnoloxía de Internet TV de Google pretende replicar o éxito de Android nos móbiles, o que podería ser posible se son varios os fabricantes que abrazan esta solución tecnolóxica, posto que outros fabricantes están a optar por solucións de seu (como Samsung e, hipoteticamente, Apple).

PUBLICIDADE