LG inicia a produción da pantalla do seu vindeiro smartphone insignia

luns, 6 de abril do 2015 Marcus Fernández

Anticipándose á presentación do seu novo smartphone insignia, o LG G4, o fabricante surcoreano dá a coñecer o inicio da produción do que sería a súa pantalla, un panel LCD de 5,5 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, ou sexa, cunha densidade de 538 píxeles por polgada, destacando tamén por unha gama de cor do 120%, o que sería moi superior a outras pantallas de dispositivos móbiles que hai no mercado no que a precisión e riqueza de cor se refire, para o que a compañía tivo que combinar un chip LED azul con fósforos verde e vermello, en vez de empregar o amarelo como fan outros LCD.
LG tamén asegura que o seu novo panel ofrece unha relación de contraste un 50% superior a outros paneis QHD e un brillo un 30% superior, sen que iso supoña un incremento do seu consumo. O uso de luz ultravioleta para formar as capas do panel conseguiría negros máis profundos e imaxes máis definidas, e grazas á tecnoloxía Advanced In-Cell Touch (AIT) tamén se conseguiría unha excelente respostas táctil.
Con este anuncio LG parece querer deixar claro que a finais de mes o LG G4 estará listo para a súa comercialización global.

PUBLICIDADE