LG lanza pulseiras comunicadoras e localizadoras para cativos

mércores, 9 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Os dispositivos wearables non son exclusivos dos alumnos, e LG pensou nos cativos á hora de deseñar a nova pulseira KizON, deseñada para que os pais poidan localizar aos seus pequenos empregando GPS e Wi-Fi, xa que este trebello achega información de localización en tempo real permitindo un seguimento dende o smartphone ou o tablet.
Pero o LG KizON non é só un localizador GPS, senón que vén a ser unha especie de comunicador, xa que a pulseira integra un teléfono móbil que só pode recibir chamadas de números pre-configurados (e no caso de non recibir resposta en 10 segundos, a chamada establecerase automaticamente para que os pais poidan escoitar o que acontece), á vez que os cativos tamén poden premer un botón para chamar a un número que estea configurado na pulseira (e que pode mudarse en calquera momento a través dunha aplicación para Android que pode instalarse en smartphones e tablets.
Integra unha batería de 400 mAh, que subministra unha autonomía deste de 36 horas, recibindo os pais unha alerta nos seus móbiles cando a batería estea por debaixo do 25%. As pulseiras son resistentes á auga e véndense en cores rechamantes (azul, rosa e verde) con deseños que as fan atractivas para os pequenos. Esta semana comezarán a venderse en Corea do Sur, chegando a Europa no terceiro trimestre do ano.

O LG KizON comercializarase con deseños atractivos para os cativos

PUBLICIDADE