LG levará ao CES o portátil de 15,6 polgadas máis lixeiro do mundo

mércores, 16 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Anticipándose á feira CES de Las Vegas, LG comeza a debullar o que vai levar ao encontro, e un dos produtos máis destacado é o seu novo portátil LG Gram modelo 15Z960, que ao pesar só 980 gramos converteríase no ordenador portátil con pantalla Full HD de 15,6 polgadas máis lixeiro do mundo, buscando así gañar o favor de profesionais e estudantes con axendas ocupadas, que precisen levar o ordenador consigo.
O novo portátil de LG contará con procesador Intel Core de sexta xeración e Windows 10, converténdose nunha solución de grande potencia e portabilidade. Actualmente LG xa conta con versións do LG Gram con pantallas de 13 e 14 polgadas que tamén pesan 980 gramos, polo que enténdese que a compañía surcoreana considera que este tipo de equipo resulta moi atractivo para o usuario, e gozar de pantallas cada vez maiores sen erosionar esaxeradamente a súa transportabilidade é un grande punto ao seu favor.
LG asegura que o LG Gram 15 ten unha autonomía de 7 horas, aínda que haberá que agardar a xaneiro para comprobar se o equipo realmente cumpre co prometido (xa que os seus predecesores estaban bastante lonxe da autonomía prometida).

PUBLICIDADE