LG mellora os seus auriculares sen fíos

luns, 8 de agosto do 2022 Marcus Fernández

LG renova os seus auriculares sen fíos, e desta volta opta por diversificar os seus modelos, cuns dedicados ao día a día e outros á práctica deportiva, apostando en ambos casos por unha boa calidade sonora e un uso confortable.
Os auriculares LG TONE Free (T90) de 2022 ofrecen un son impresionante grazas a unha nova estrutura interna e uns drivers de maior tamaño que achegan uns graves máis profundos. Integran un procesador de audio espacial (HSP) de Meridian, que ofrece un son máis natural e mellora a percepción espacial do son esterofónico. Estes auriculares tamén soportan Dolby Atmos e serían os primeiros auriculares sen fíos do mercado en soportar Dolby Head Tracking, de xeito que sitúan ao usuario no centro da escena e mellora a inmersión sonora tanto ao escoitar música como vendo películas ou incluso gozando de videoxogos.
Estes novos auriculares tamén integran a Snapdragon Sound Technology Suite, tecnoloxía que ofrece grande calidade sonora e que até o momento só estaba dispoñible para auriculares con cable, ofrecendo son de alta resolución a 24 bits e 96 kHz. Esta tecnoloxía non só mellora a escoita sonora, senón tamén a realización de chamadas.
No que refire á cancelación de ruído, os auriculares tamén teñen cancelación de ruído activa cun algoritmo de dobre paso e un optimizador en tempo real, conseguindo unha anulación maior dos ruídos externos e unha mellor adaptación ao usuario.
Outro detalle no que destacan os auriculares de LG é o seu estoxo de carga, que inclúe a tecnoloxía UVnano, que desinfecta os auriculares con luz ultravioleta durante o proceso de carga. Os auriculares teñen unha autonomía de até 9 horas de uso que poden incrementarse en 20 horas máis grazas ao estoxo de carga.
Para os usuarios máis deportistas están dispoñibles os novos LG TONE Free fit (modelos TF7 e TF8), que inclúen a tecnoloxía SwivelGrip, que asegura o agarre firme dos auriculares na orella, para non perdelos durante as sesións de adestramento. Aparte das tecnoloxías sonoras dos anteriores auriculares da marca, tamén conta con protección IP67, de xeito que soporta chuvia, salpicaduras, suor e po sen problema. Neste caso a autonomía medra até as 10 horas e pode ampliarse até 30 horas en total grazas ao estoxo de carga.

JPEG - 86.6 KB
A versión deportiva dos auriculares ten un agarre máis firme na orella e maior resistencia

PUBLICIDADE