LG presenta 4 novos modelos de altofalantes Bluetooth

martes, 23 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Para poder diferenciarse no resto de altofalantes que hai no mercado, dende LG optan por estéticas rechamantes que poden adaptarse a distintos contornos (dende o dormitorio até unha acampada), e nesa liña presentan os novos altofalantes Bluetooth modelo PH1, PH2, PH3 e PH4.
Para os usuarios que buscan un altofalante resistente e portátil chegan o PH2 e o PH4. O PH2 pesa só 167 gramos, é resistente á auga e está pensado para levar enriba mentres se realizan actividades en exteriores, mentres que o PH4 é un altofalante de maior tamaño e potencia, que busca animar acampadas e barbacoas. Ambos altofalantes teñen unha correa que facilita enganchalos para facelos máis transportables e ofrecen son de 360 graos. O Ph2 en unha autonomía de 6 horas, mentres que o PH4 chega ás 10 horas.
Buscando encaixar con calquera decoración, e integrando unha luz que o fai rechamante, o altofalante PH3 é ideal para o dormitorio ou para terrazas. Venderase en tres cores distintas e a súa luz tipo candea ten 5 modos de iluminación multi-cor. A súa batería dálle unha autonomía de até 10 horas.
Os tres altofalantes mencionados non só funcionan por Bluetooth, senón que tamén contan cunha entrada de mini-jack para poder conectar algún outro vello trebello como un reprodutor de MP3 ou de CD. Por Bluetooth, en cambio, acepta até 2 dispositivos emparellados simultaneamente.
Para completar a colección está o PH1, que tamén inclúe unha iluminación suave (de xeito que pode aproveitarse como iluminación nocturna), e 5 horas de autonomía, resultando ideal para colocar en calquera curruncho da casa, sendo lixeiro, portátil, e contando tamén con funcións de mans libres para o teléfono.
Estes produtos chegarán ao mercado no outono a prezos que posiblemente se movan entre os 50 e os 120 euros.