LG presenta a terceira xeración dos seus smartphones da familia L
luns, 17 de febreiro do 2014
LG anunciou nas últimas horas que levará ao Mobile World
Congress de Barcelona a súa gama de móbiles L, que chega á súa Serie III,
de xeito que a compañía surcoreana segue a coidar a súa gama de terminais para
o grande público, non dedicando só os seus esforzos aos seu recoñecidos móbiles
da serie G (de alta gama).
As dúas primeiras xeracións dos móbiles LG L tiveron un importante volume de
vendas a nivel mundial, e agora melloran o seu deseño, refinan o seu marco
metálico e permiten facer uso de fundas con Quick Window (que protexen
integramente o móbil, deixando un pequeno espazo na cara correspondente á
pantalla para permitir ver información como a hora ou a identidade de quen non
chama sen ter que abrir a cuberta protectora), prestación vista en varios
terminais de gama alta que agora chega a esta gama media.
Todos os smartphones da Serie III de LG chegarán con Android 4.4, coa interface
gráfica de LG (UX) e os dispositivos continúan a escalar segundo o seu número
de modelo, partindo dun L40 (cun procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, pantalla
de 3,5 polgadas cunha resolución de 480 x 320 píxeles, 512 Mb de RAM, 4 Gb de
almacenamento interno, cámara de 3 Mpíxeles e batería de ata 1.700 mAh) e
chegando ata o L90 (cun procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, pantalla de 4,7
polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles, 1 Gb de RAM, 8 Gb de
almacenamento interno, cámaras de 8 e 1,3 Mpíxeles e batería de 2.540 mAh),
pasando polo L70 (cun procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, pantalla de 4,5
polgadas cunha resolución de 800 x 400 píxeles, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento
interno, cámara de 8/5 e 0,3 Mpíxeles e batería de 2.100 mAh).
Vídeo sobre o deseño dos LG L Series III no que podemos ver o deseño das súas fundas con Quick Window