LG presenta as súas novas solucións de audio para cine en casa
mércores, 26 de decembro do 2012
Aínda
que no último ano o grande tamaño de pantallas e as 3D centraran boa parte dos
lanzamentos de electrónica de consumo para o salón doméstico, os fabricantes
non queren deixar totalmente de lado o son envolvente que fora tendencia anos
atrás, e de cara ao CES de Las Vegas LG anunciou que continúa a apostar polas
solucións de cine en casa, para o que propoñen un novo
sistema de altofalantes 9.1 BH9430PW, que conta con canles adicionais á
típica configuración 5.1 conseguindo levar a experiencia sonora a un seguinte
nivel.
Este sistema tamén pode funcionar como un concentrador intelixente compatible con NFC para recibir contidos sen fíos.
Tamén conta cunha base para iPod que facilita a súa carga e o acceso aos seus contidos.
Unha prestación realmente rechamante do sistema de son BH9430PW é que conta cun
modo de son privado que silencia os altofalantes para remitir o seu sinal a
través de Wi-Fi ao noso smartphone, o que pode resultar útil para poder
escoitar unha película sen molestar ao resto da familia mentres durme.
Para quen non dispoña de espazo para a colocación dos numerosos altofalantes
desta solución de son envolvente, LG tamén presenta a barra de son NB4530A, cun
deseño elegante e un acabado en negro e prata que pode ser un complemento ideal
para o televisor con 310 W e son 2.1 apoiado por un procesador 3D Surround.
Entre as súas vantaxes figura o contar con canle de retorno HDMI, de xeito que
pode conectarse ao televisor sen empregar cables de audio adicionais e, para
poder facer streaming de audio con
móbiles, tablets e ordenadores portátiles tamén conta con Bluetooth.
Adicionalmente LG tamén presentou o reprodutor de Blu-ray 3D BP730, o altofalante pensado para funcionar para base dun smartphone ND8630 e o altofalante portátil NP6630 (con Bluetooth, NFC e AirPlay).