LG presenta novos monitores OLED para uso profesional

venres, 17 de decembro do 2021 Marcus Fernández

LG está a renovar a súa liña de monitores profesionais LG UltraFine OLED Pro incorporando os modelos 32BP95SE e 27BP9SE, que achegan ao escritorio as vantaxes propias da tecnoloxía OLED, o que supón unha precisa reprodución da cor e un magnífico desempeño para a reprodución de contidos en HDR (con certificación DisplayHDR 400 True Black), o que resulta especialmente interesante para profesionais dos efectos visuais, editores de vídeo e outros profesionais creativos.
Os novos televisores OLED de 31,5 e 27 polgadas teñen resolución 4K, unha relación de contraste de 1.000.000:1 e un 99% de cobertura do espazo de cor DCI-P3, sendo especialmente interesante o feito de que coa tecnoloxía OLED teñan unha precisión de cor, brillo e contraste a nivel de píxel, xa que esta tecnoloxía non ten o efecto halo que presentan a meirande parte das pantallas LCD.
Para un mellor desempeño estes monitores inclúen sensor de auto-calibración e viseira. A través do software LG Calibration Studio o sensor de calibración mide a luz emitida pola pantalla e fai os axustes necesarios para manter o nivel de precisión de cor e consistencia que tan importantes son para traballos profesionais; mentres que a viseira pode colocarse cando esteamos en localizacións nas que luces externas poidan provocar reflexos en pantalla.
Estes monitores incorporan USB-C poden entregar até 90 watts, polo que resultan moi prácticos para reducir o número de cables e adaptadores de corrente no escritorio informático. Tamén teñen conexións HDMI e DisplayPort.

PUBLICIDADE