LG presenta novos proxectores de ultra alta definición
mércores, 28 de agosto do 2019
LG
vai achegar á feira IFA 2019 os seus novos proxectores de vídeo de ultra alta
definición, que chegarán ao mercado europeo a partires do mes que vén,
facilitando experiencias de cine en casa de grande calidade e elegancia.
Por unha banda temos o proxector láser LG 4K UHD CineBeam modelo HU85L, de tiro
ultra curto, capaz de proxectar unha pantalla de 90 polgadas a só 5,6
centímetros da parede, e de 120 polgadas a 18 centímetros de distancia, o que
resulta moi práctico en moitos espazos, xa que simplifica a instalación e evita
que haxa elementos que interfiran na proxección. Este proxector de 2.700 lumenes
ANSI utiliza un sistema láser de tres canles para xerar cores precisas
(consegue un 97% do espazo de cor DCI-P3).
Pola súa banda, o proxector LED LG 4k UHD CineBeam modelo HU70L é máis compacto
e pode xerar unha imaxe de até 140 polgadas e 1.500 lumenes ANSI cubrindo o 92%
do espazo de cor DCI-P3, que xera as cores con 4 LED diferentes (buscando así
imaxes máis brillantes, de maior contrates e con cores máis vivas).
Ambos proxectores teñen resolución 4K, soportan HDR10, inclúe tecnoloxía se
sobreescalado 4K de 6 pasos para que os contidos Full HD poidan verse de xeito
nítido en ultra alta definición e tamén integran webOS 4.5, de xeito que,
aparte de poder achegar os contidos por USB, HDMI ou dispositivos móbiles
(mediante mirroring sen fíos), tamén conta con aplicacións para acceder
aos contidos de servizos como Netflix, Amazon Prime Video ou YouTube.