LG presenta o primeiro smartwatch con Android Wear e conectividade móbil
xoves, 1 de outubro do 2015
Un dos
fabricantes que máis está a apostar por Android Wear é LG, e para demostralo
presenta hoxe a segunda
edición do LG Watch Urbane, que será o primeiro smartwatch con Android Wear
en incorporar conectividade móbil, ou sexa, que aparte de Wi-Fi e Bluetooth,
tamén pode conectarse por 3G e 4G, permitindo que o usuario poidan manterse
conectado incluso cando non leve o smartphone enriba (por exemplo, durante a
práctica de deporte).
O LG Watch Urbane conta cunha pantalla P-OLED circular de 1,38 polgadas cunha
resolución de 480 x 480 píxeles, que integra unha batería de 570 mAhe modo de
aforro de enerxía para poder levar a súa autonomía a máis dun día completo.
Este reloxo de pulso cun formato bastante tradicional conta con tres botóns no
seu lateral dereito que serven de acceso directo aos contactos, a LG Health e a
unha listaxe de aplicacións. O seu modo de ambiente pode activarse/desactivarse
cunha simple pulsación no seu botón de coroa e incluso conta con 16 esferas e
prestacións orientadas á práctica deportiva (como monitorización do pulso e
seguimento da intensidade da nosa actividade física).
O novo smartwatch chegará inicialmente a Corea do Sur e EE.UU., para
comercializarse logo en todo o mundo, dándose máis detalles sobre o mesmo nas
vindeiras semanas. Aínda que polo momento non temos moitos detalles sobre as
limitacións que terá o modo de funcionamento do smartwatch a través de redes
móbiles, dende LG xa adiantan que serán diferentes de usarmos un smartphone
Android ou un iPhone (móbil co que tamén será compatible este elegante e
versátil reloxo).
Vídeo promocional do novo LG Watch Urbane