LG presenta os seus novos altofalantes domésticos sen fíos
martes, 23 de decembro do 2014
LG continúa a avanzar os produtos que levará a primeiros do
mes que vén ao CES de Las Vegas, entre os que figurará una nova gama de produtos
destinados á reprodución sonora sen fíos, pensando nun cómodo goce da
música e do cine no fogar. Para iso preparan un altofalante Wi-Fi con batería,
barras de son Wi-Fi e incluso un reprodutor de Blu-ray 3D con soporte de streaming. Os altofalantes están
deseñados para ser compatibles con Android e iOS.
Os dispositivos LG Music Flow Wi-Fi poden funcionar de xeito independente ou
conectados a outros dispositivos sen fíos, sendo compatibles con redes Wi-Fi
nas bandas dos 2,4 e os 5 GHz, e aparte de permitir escoitar a música que
teñamos no móbil (sen interromperse cando recibamos unha chamada) tamén son
compatibles con servizos en liña como Spotify, Deezer, Napster e TuneIn.
Os altofalantes desta nova familia serán o LG H4 Portable (o primeiro
altofalantes sen fíos con batería recargable de LG que permite que levemos a
música por toda a casa) e as barras de son HS7 e HS9, que poden funcionar en
conxunto, de xeito que nunha configuración de cine en casa podemos colocar unha
barra de son central complementada polos altofalantes LG H4 Portable aos lados.
O reprodutor de Blu-ray 3D BP550 Streaming tamén pode conectarse aos
altofalantes para transmitirlles música dun CD ou de unidades de memoria USB.
Esta tecnoloxía quere funcionar coa menor fricción posible, de xeito que
poderemos facer que, se estamos a escoitar música cos nosos auriculares, ao
chegarmos ao fogar, a música pase a escoitarse automaticamente nos altofalantes
que teñamos na casa, conseguindo a converxencia entre reprodución musical
doméstica e en mobilidade.
Ao estarmos ante dispositivos conectados, LG tamén os fai compatibles coa
funcionalidade LG HomeChat, de xeito que podemos darlles ordes a través de LINE,
o que permitirá que os altofalantes poidan servirnos como asistentes persoais (por
exemplo, configurando alarmas) ou darlles instrucións avanzadas (que poden ir dende
programar o seu apagado automático ou ordenar a reprodución dunha listaxe
musical).