LG presenta un híbrido de tablet e portátil con Windows 8 e LTE

martes, 19 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

LG pon á venda esta semana en Corea do Sur o seu novo Tab-Book con conectividade LTE, que espera chegar máis adiante a outros mercados e que a vindeira semana poderá verse no Mobile World Congress de Barcelona. Estamos ante un híbrido entre tablet e portátil, cun teclado físico deslizante que pode agocharse cando se emprega coma se dun tablet se tratase, á vez que pode resultar práctico para labores de produtividade.
Este equipo cun procesador Intel Core i5 funciona con Windows 8, ten unha pantalla IPS multitáctil de 5 puntos cun ángulo de visión de 178 graos e que grazas á conectividade LTE pode conectase á Rede a grande velocidade alí onde haxa cobertura 4G. O seu prezo será de 1.400.000 wons (967,69 euros), polo que estaría na liña do Surface Pro e outros equipos que combinan as prestacións dun tablet coas dun Ultrabook.