LG presenta un móbil con teclado QWERTY e dobre pantalla táctil
luns, 24 de outubro do 2011
Cos mozos afeitos ao envío de mensaxes de texto e outras
ferramentas de mensaxería instantánea en mente presentan o LG
Doubleplay, un interesante terminal con teclado deslizante QWERTY separado
en dous bloques laterais (pensando no tecleo empregando os dedos polgares)
separados por unha pequena pantalla táctil secundaria que pode servir para acoller
atallos a distintas aplicacións do móbil.
Estamos ante un terminal con pantalla principal táctil de 3,5 polgadas que
funciona con Android 2.3, procesador Qualcomm Snapdragon a 1 GHz e cámara
traseira de 5 Mpíxeles con flash LED e capaz de gravar vídeo a 720p, GPS,
Bluetooth, Wi-Fi, lectura de tarxetas microSDHC de ata 32 Gb, ou sexa, un móbil
de gama media, que pode resultar de grande interese para os amantes das SMS ou
de aplicacións como Whatsapp, e que dentro
dun par de semanas vai comezar a vender nos EE.UU. o operador T-Mobile.