LG presenta un par de monitores para os últimos produtos de Apple
mércores, 31 de xullo do 2019
LG presenta hoxe un par de monitores de alta calidade deseñados
especificamente para os últimos produtos de Apple, sendo compatibles con Mac e
incluso con iPad Pro, o que agradecerán profesionais que precisen de pantallas de
alta densidade no escritorio.
Por unha banda temos o monitor
UltraFine 5K de 27 polgadas (modelo 27MD5KL), á venda por 1.399 euros; e
por outra temos o monitor
UltraFine 4K de 24 polgadas (modelo 24MD4KL), á venda por 749 euros. Estas
pantallas da serie UltraFine ofrecen unha grande calidade de imaxe e soportan
Thunderbolt 3 e USB-C, de aí que poidan empregarse en combinación cos últimos
MacBook e iPad Pro, o que resulta especialmente interesante no caso do monitor
UltraFine 5K, que ten 94 watts de potencia é capaz de cargar tamén portátiles e
tabletas por USB-C.
O monitor UltraFine 5K ten unha gama cromática ampla (P3), un brillo de 500
nits e presenta unha resolución de 218 píxeles por polgada. A súa resolución total
de 5.120 x 2.880 píxeles permite amosar contidos con grande nivel de detalle,
así como amosar diferentes fiestras e ferramentas de xeito simultáneo sen perder
detalle. Tamén integra altofalantes estéreo, cámara e micrófono, o que abre
numerosas posibilidades.
Dado que estamos ante un monitor destinado a un público profesional, non lle faltan
detalles como permitir a súa regulación en altura e inclinación e incluso é
compatible con Touch Bar e o teclado do MacBook Pro para poder controlar o seu
volume e brillo dun xeito áxil.
O monitor UltraFine 4K ten unha pantalla de 23,7 polgadas, e tamén presenta
unha gama cromática ampla (P3) e un brillo de 500 nits, pero o seu tamaño máis
reducido fai que a súa resolución quede en 3.840 x 2.160 píxeles. Integra
altofalantes estéreo, permite axustar o seu brillo e volume a través de macOS
(prescindindo así do uso de botóns físicos) e tamén pode cargar dispositivos
por USB-C, aínda que desta volta a súa potencia queda en 85 watts.