LG presenta un proxector láser con webOS e 2.000 lumenes

martes, 20 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Como alternativa aos televisores domésticos LG vai levar ao CES de Las Vegas o seu novo proxector láser ProBeam HF80J, que sorprende principalmente polo seu deseño (en vez de ser baixo e ancho, é estreito e alto), por ter un tamaño compacto e un peso duns 2,1 quilos (de xeito que sería doado de transportar) e cunha prestación especialmente atractiva: unha luminosidade de 2.000 lumenes, que permitiría o seu uso nun salón doméstico de día.
Na liña dos últimos proxectores que hai no mercado o novo LG ProBeam HF80J non se limite a proxectar a imaxe que lle entre por unha toma de vídeo, senón que conta con funcións propias dun Smart TV, xa que integra webOS, de xeito que podería empregarse directamente para ver series de Netflix ou para amosar ao grande as imaxes do noso smartphone (integra Miracast).
Este proxector Full HD tamén conta cunha curiosa funcionalidade: a posibilidade de transmitir o seu audio a altofalantes Bluetooth, facilitando así as instalacións sen cables. Unha solución bastante interesantes, da que falta saber un importante elemento para xulgar se é un produto atractivo: o seu prezo.

Un dos factores máis rechamantes deste novo proxector é a súa forma

PUBLICIDADE