LG presenta un televisor de 97 polgadas no que o seu panel OLED fai de altofalante
xoves, 11 de agosto do 2022
Esta semana celébrase en Seúl a feira K-Display 2022 na que
os fabricantes levan as súas últimas tecnoloxías de pantallas e, entre as que
presenta LG destaca a OLED.EX, presente
nun televisor OLED de 97 polgadas, que non só ofrece cores realistas, grande
nivel de detalle e negros perfectos, así como un brillo mellorado de até o 30%,
senón que sorprende por incorporar a tecnoloxía Film CSO (Cinematic Sound
OLED), que permite á pantalla vibrar e xerar son directamente, sen a necesidade
de altofalantes separados. Esta tecnoloxía é capaz de reproducir son 5.1,
ofrecendo así unha experiencia cun grande nivel de inmersión.
A compañía surcoreana tamén presentou novas aplicacións da súa tecnoloxía de
pantallas OLED transparentes, como un Media Art Wall no que combinan 16
pantallas transparentes que poden colocarse para amosar arte dixital ou vídeos
comerciais, sendo unha solución axeitada para colocar contra muros xa que esta
tecnoloxía xera menos calor que a de LED. Tamén amosaron paneis OLED
transparentes que poden instalarse e desinstalarse dun xeito doado, polo que
pode resultar unha boa solución para oficinas, hoteis, centros de saúde e
fogares.
LG tamén propón o uso desta tecnoloxía na forma de E-Crystal para sala de
xuntanzas, de xeito que as propias paredes de vidro poden servir como monitores
durante presentacións, e cando non están en uso percíbense como un espazo máis
aberto.