LG presenta unha nova tableta pensada para un confortable consumo de contidos

luns, 24 de agosto do 2015 Marcus Fernández

A semana que vén vai celebrarse a feira IFA en Berlín, e algúns fabricantes comezan a adiantar os produtos que amosarán alí, como o LG G Pad II 10.1, unha nova tableta que en breve vai comercializarse en modelos Wi-Fi e LTE, e que busca satisfacer as necesidades de boa parte dos consumidores coa súa pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 800 de catro núcleos a 2,26 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), cámaras de 5 e 2 Mpíxeles e batería de 7.400 mAh.
Esta nova tableta contará con conectividade Wi-Fi AC, funcionará con Android 5.1.1 e destacará fisicamente polo seu grosor de só 7,8 milímetros e o seu peso de 489 gramos, de xeito que temos unha tableta moi cómoda, lixeira e elegante, que non quere gañarse ao público só polo seu hardware, de aí que engada funcionalidades como un modo lectura (que reduce a luz azul da retroiluminación da pantalla para facer máis confortable a lectura de libros electrónicos) e un modo de pantalla dual (que divide a pantalla en dous para poder executar dúas aplicacións á vez dun xeito cómodo). Tamén inclúe a versión para Android do Microsoft Office e 100 GB de espazo adicional en OneDrive durante 2 anos.

PUBLICIDADE