LG presentará na feira IFA un smartwatch con pantalla redonda

luns, 25 de agosto do 2014 Marcus Fernández

A vindeira semana Motorola presentará oficialmente o agradado Moto 360, smartwatch que gañou o favor do público polo seu formato, xa que ao presentar unha pantalla redonda resulta moito máis doado de aceptar como reloxo de pulso, detalle que finalmente non parecen querer deixar pasar os seus competidores, e LG xa publicou un vídeo de adianto do que sería o LG G Watch R, un reloxo que darase a coñecer en Berlín durante a celebración da feira IFA.
O LG G Watch é un dos primeiros smartwatches con Android Wear en comercializarse, e coa súa revisión redonda pode entenderse que a compañía surcoreana soubo reaccionar a tempo ás demandas do mercado, deixando o seu primeiro reloxo para os early adopters que non quixeron agardar aos dispositivos máis coidados. Un detalle a destacar sobre o LG G Watch R sería que, segundo o vídeo publicado por LG, sería “un círculo perfecto”, mentres que o Moto 360 deixa a parte inferior da súa pantalla sen empregar xa que é o lugar no que agocha varios sensores, polo que haberá que comprobar se este detalle servirá para dar un toque realmente distintivo ao reloxo de LG, que terá que esforzarse para eclipsar ao dispositivo de Motorola.


Vídeo de adianto do que será o LG G Watch R

PUBLICIDADE