LG traerá a España o seu novo smartphone con tapa

mércores, 5 de agosto do 2015 Marcus Fernández

O mes pasado dabamos conta da estrea no mercado surcoreano dun smartphone con tapa de LG, o LG Gentle, e en contra do que aconteceu cos smartphones anteriores da compañía co mesmo formato, desta volta atrévense a internacionalizalo, e confirman que a finais de mes chegará a Francia, Italia, Polonia, Casaquistán, Xapón e España como LG Wine Smart.
Este novo terminal busca combinar o formato de cuncha que tan familiar resulta para moitos usuarios coa potencia e as funcionalidades dun smartphone, e tras conseguir unhas boas vendas en Corea, LG atrévese agora a levalo a novos mercados.
O LG Wine Smart funciona con Android 5.1.1, de xeito que funciona coas aplicacións actuais sen problema, pero aparte da súa pantalla de 3,2 polgadas cunha pobre resolución de 480 x 320 píxeles, conta cun teclado numérico tradicional que pode empregarse tanto para introducir números como para teclear dun xeito clásico que, aínda que non é o método máis áxil de entrada de texto, resultará práctico para os que leven moito tempo cun teléfono sen prestacións avanzadas que non se afixeran aínda a teclados QWERTY (físicos ou en pantalla). Pode así entenderse que estamos ante un teléfono pensado en persoas de certa idade, e precisamente por iso tamén integra a funcionalidade Safety Care, que pode configurarse para que transmita de xeito automático alertas de emerxencia e a posición en tempo real a contactos predefinidos cando o usuario precise de axuda inmediata.
Esta novo teléfono chegará cun procesador de catro núcleos a 1,1 GHz, 1 GB de RAM, 4 GB de almacenamento interno, cámaras de 3 e 0,3 Mpíxeles, conectividade 4G, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1 e USB 2.0, batería de 1.700 mAh, un grosor de 16,6 milímetros e un peso de 143 gramos. Poderá adquirirse en cor burdeos ou azul mariño.

O LG Wine Smart venderase en dúas cores diferentes

PUBLICIDADE