LaCie presenta a solución de almacenamento externo portátil máis rápida do mundo

mércores, 12 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Seagate Techonology presentou a que promete ser a solución de almacenamento portátil máis rápida da historia, a nova unidade LaCie Little Big Disk con tecnoloxía Thunderbolt 2, que ofrece velocidades de ata 1.375 Mbytes/seg., resultando ideal para os profesionais que precisan editar vídeo el ultra alta definición sobre o terreo.
Para que esta unidade que pode transportarse incluso dentro da bolsa dun ordenador portátil poida conseguir estas excelentes prestacións combina no seu interior dúas unidades SSD PCIe de segunda xeración cunha capacidade de 500 Gb cada unha, que funcionan en cadea para poder conseguir as velocidades de transferencia máximas de Thunderbolt 2, destacando o feito de que, de conectarse en paralelo ao novo Mac Pro de Apple conseguiríanse velocidades de ata 2.600 Mbytes/seg. Estamos así ante un equipo capaz de operar dez veces máis rápido que calquera disco duro portátil USB 3.0, podendo transferir 300 Gb de imaxes gravadas en 4K en menos de 3 minutos.
Ao contar con 2 portos Thunderbolt 2, o Little Big Disk de LaCie pode conectarse en cadea con outros dispositivos, de xeito que poderían enlazarse ata 5 unidades distintas e tamén unha pantalla 4K, e conectalos ao ordenador mediante un único cable, creando un contorno de traballo cun uso de cableado moi optimizado á vez que tamén resulta moi silencioso, pois as unidades teñen un sistema de refrixeración moi silencioso (no que o ventilador só entra en funcionamento cando é preciso, mentres que o resto do tempo chégalle cun par de placas de aluminio que disipan a calor).
Esta nova unidade está xa á venda cunha capacidade de 1 Tb por 1.259 euros.


Vídeo de presentación da nova unidade externa de LaCie