LaCie presenta memorias USB para aventureiros

mércores, 14 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Nos últimos tempos LaCie foi capaz de sorprender aos usuarios con orixinais memorias USB con forma de chave e outros inventos entre os que agora destacariamos as memorias Lacie XtremKey, que en capacidades de entre 8 e 64 Gb prometen ser ideais para os usuarios máis aventureiros, pois estamos ante un produto cunha resistencia impresionante que mantén os nosos datos protexidos de golpes, temperaturas extremas e líquidos, o que conseguen incrustando a memoria USB nunha cápsula dunha aliaxe de cinc, aluminio, magnesio e cobre de 2 milímetros de grosor que é somerxible a 100 metros, soporta caídas a 5 metros de altura, temperaturas de entre 200 e -50 graos centígrados e mesmo a presión das rodas dun camión de 10 toneladas.
Está claro que a idea non é que sometamos os nosos datos ás torturas mencionadas, pero moitos agradecerán que ao transportar información importante poidan gozar dun soporte robusto, que tampouco sacrifica rendemento, pois este tipo de unidades gozan dunha velocidade de lectura de 40 Mbytes/segundo e de escritura de 30 Mbytes/seg. Estarán dispoñibles nas tendas a partir do mes de agosto, aínda que polo momento non anunciaron o seu prezo.


Vídeo promocional das resistentes memorias LaCie XtremKey

PUBLICIDADE