LaMetric, un panel electrónico conectado para o noso día a día ou para negocios

xoves, 19 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Grazas ao micromecenado, algúns produtos que, pese a non ser moi necesarios, e poder considerarse simples curiosidades, conseguen ver a luz, como vén de pasarlle a LaMetric, un panel electrónico programable e conectado que pode presentar información de diverso tipo (novas, información meteorolóxica, notificacións...) e que conseguiu superar os 69.000 dólares que buscaba para poder facerse realidade o vindeiro mes de xaneiro.

O panel electrónico podería empregarse, por exemplo, para amosar o número de seareiros que ten unha páxina de Facebook dun negocio

Estamos ante un dispositivo que mide 225 x 7 x 4 centímetros, que presenta unha especie de pantalla dividida en dúas partes: unha sección de 8 x 8 píxeles de distintas cores nas que identificar o tipo de información a presentar mediante unha icona, e outra sección de 29 x 8 píxeles de cor branca ou negra na que amosar información. Tamén integra un altofalante, batería recargable externa (aínda que tamén pode funcionar conectado a corrente) e conectividade Wi-Fi/Ethernet para poder recibir as ordes para operar a través da Rede. Tamén conta con botóns na súa parte superior para certas interaccións.

LaMetric pode incluso avisarnos da chegada dun correo electrónico, xa que recolle a súa información en tempo real

Este curioso trebello podería empregarse para amosar a hora, presentar a temperatura actual, informar da recepción dun correo electrónico agardado, presentar contas atrás a unha hora esperada... e moitos usos para a vida diaria, aínda que o seu potencial parece máis pensado para os negocios, que podería aproveitar este tipo de panel para amosar publicamente o número de seareiros que teñen en Facebook ou outros datos que poidan actualizarse en tempo real, xa que a información presentada podería personalizarse a través de fluxos RSS, receitas IFTT ou incluso remitindo un correo electrónico ao dispositivo, que tamén pode controlarse a través dunha aplicación móbil.
Podemos facernos cun LaMetric por 119 dólares (105,82 euros con portes incluídos), aínda que haberá que ter bastante paciencia para velo diante, xa que non esperan comezar a remitilos aos seus mecenas ata xaneiro de 2015.


Vídeo de presentación da campaña de Kickstarter de LaMetric

PUBLICIDADE