Laura Docío (atlanTTic) participa no cuarto volume de Quero ser investigadora

xoves, 4 de abril do 2024 S. P.

Co obxectivo de facer valer e dar visibilidade ás investigadoras da Universidade de Vigo, amais de promover a vocación científica entre a mocidade galega con figuras femininas da súa contorna como referencia, a dita institución viguesa vén de publicar o cuarto volume do catálogo Quero ser investigadora.
Deste xeito, nesta cuarta edición, ilustrada por Laura Antelo Gómez, difúndese a historia de dez novas referentes, dez mulleres, dez investigadoras, dez nenas que quixeron adicarse ao que máis lles gusta: achegar novos coñecementos sobre a súa área de traballo que axuden á sociedade a avanzar cara a un futuro mellor. As protagonistas deste catálogo son: Inmaculada Anaya Revuelta, Marta Conde Sieira, Laura Docío Fernández, Herminia Domínguez González, Ana Belén Fernández Souto, María Dolores Garza Gil, Águeda Gutiérrez Sánchez, Elena Martín Ortega, Isabel Mociño González e Xanel Vecino Bello.
Entre estas dez mulleres atopamos á investigadora de atlanTTic Laura Docío Fernández, enxeñeira de Telecomunicación do Grupo de Tecnoloxías Multimedia, fálanos neste libro da súa paixón pola tecnoloxía e o seu traballo en proxectos pioneiros no procesamento de sinais e recoñecemento de lingua de signos.
Engadir que esta publicación, financiada pola FECYT, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades 2023/2024 da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i). Encamiñada ao alumnado de ensino secundario, tanto ESO como Bacharelato, conta cunha edición en papel que se está a distribuír nos institutos de toda Galicia, así como dunha versión dixital. A maiores, o libro acompáñase dunha guía didáctica e de contidos gamificados coa ferramenta Genially, de cara a facilitarlle ao profesorado o traballo co catálogo nas aulas.

PUBLICIDADE