Leap Motion engade as mans do usuario ás solucións de realidade virtual

mércores, 25 de marzo do 2015 Marcus Fernández

A tecnoloxía coñecida como “o Kinect das mans”, desenvolvida por Leap Motion, que permite o recoñecemento dos dedos das mans para o seu uso como mecanismo de control en sistemas informáticos, podería ser un dos grandes complementos para as solucións actuais de realidade virtual, xa que permitiría incorporar un xeito manual de interacción cos mundos virtuais. Para avanzar a este respecto están a colaborar con OSVR e anunciaron que están a prepararse para que o OSVR Hacker Dev Kit poida incorporar o sensor Leap Motion nos seus cascos de realidade virtual, o que facilitaría a creación de aplicacións e xogos que poderán facer un uso máis inmersivo da realidade virtual. O OSVR Hacker Dev Kit estaría dispoñible para a súa reserva a partires de maio (enviándose aos compradores en xuño).
O sensor de Leap Motion véndese actualmente a 89,99 euros, e actualmente comercializan tamén un accesorio que facilita a súa colocación en lentes de Oculus Rift que véndese de xeito independente por 14,99 euros ou por 96,99 euros co sensor incluído. Ou sexa, que actualmente Leap Motion xa pode integrarse coa tecnoloxía de Oculus, pero OSVR sería unha alternativa á mesma baixo código aberto que podería ser máis asumible e flexible.

A tecnoloxía de Leap Motion podería supor unha grande mellora para os cascos de realidade virtual


Vídeo no que amosan como sería a integración de Leap Motion na Realidade Virtual