Leica Q2: unha cámara compacta de auténtico luxo

venres, 8 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Leica presentou esta semana a Leica Q2, unha nova cámara compacta cun sensor de fotograma completo cun obxectivo Leica Summilux de 28 milímetros e apertura f/1.7, que xunto a un corpo selado para protexerse de po e salpicaduras pode converterse nun equipo ideal para disparar fotografías en calquera condición climatolóxica.
Esta nova cámara está equipada cun sensor full frame de 47,3 Mpíxeles que non só pode capturar imaxes cun grande nivel de detalle, senón que tamén é capaz de gravar vídeo 4K, para o que o seu obxectivo resulta bastante axeitado, xa que é óptimo para a fotografía de rúa, paisaxes e incluso retratos, podendo incluso aproveitarse para fotografía macro a unha distancia de 17 centímetros, ou sexa, que pese a non contar cun obxectivo intercambiable, a cámara é bastante versátil.
Para conseguir a versatilidade de obxectivos intercambiables a Leica Q2 tira proveito do recorte para simular lonxitudes focais de 35, 50 e 75 milímetros, o que supón unha perda de resolución das imaxes, o que en moitos casos non resulta traumático, xa que partimos dunha resolución completa moi xenerosa (unha fotografía a 35 mm quedaría en 30 Mpíxeles, unha de 50 mm en 14,7 Mpíxeles e unha de 75 mm en 6,6 Mpíxeles).
O visor OLED da Leica Q2 ten unha resolución de 3,68 Mpíxeles, conseguindo así un grande nivel de detalle ao disparar as fotografías mentres se mantén un consumo enerxético reducido.
A cámara tamén presume do enfoque automático máis rápido da súa categoría (sendo capaz de enfocar un suxeito en menos de 0,15 segundos), así como de ser capaz de disparar 10 imaxes por segundo a máxima resolución. No que a vídeo se refire, grava 4K até a 30 imaxes por segundo e Full HD até a 120 imaxes por segundo.
A Leica Q2 tamén está equipada con conectividade Bluetooth e Wi-Fi, facilitando a súa conexión con dispositivos móbiles para, por exemplo, poder compartir rápido os contidos rexistrados nas nosas redes sociais.
Pero non podemos esquecer que estamos ante un produto dunha marca premium, ou sexa, que o seu prezo de venda nos EE.UU. é de 4.995 dólares, polo que está lonxe da meirande parte de petos.

PUBLICIDADE