Lenovo Smart Display, a pantalla táctil con asistente de Google
xoves, 26 de xullo do 2018
Hai
algo máis dun ano Amazon ampliaba a familia de altofalantes Echo dotando co asistente
Alexa a unha pantalla táctil de 7 polgadas cunha cámara de 5 Mpíxeles, o
Echo Show, de xeito que ampliaba enormemente as posibilidades do seu asistente
de voz, á vez que creaba un novo tipo de dispositivo que podía verse como complemento
para sistemas de videovixilancia, terminal para videochamadas ou mesmo tableta
para empregar na cociña sen correr o risco de enzoufala coas mans.
Vese que a historia repítese, e ao igual que Google lanzou os altofalantes
Google Home imitando aos Amazon Echo, agora anuncian o lanzamento do Lenovo
Smart Display, a
primeira pantalla deste tipo co asistente de Google integrado, que na mesma
liña o Echo Show, de xeito que esta pantalla táctil conectada pode responder ás
nosas ordes de voz achegando servizos de Google como Google Maps, YouTube, o
calendario, o servizo de videoconferencias Duo ou incluso Google Fotos, á vez
que mantén as prestacións propias dun altofalante Google Home (polo que tamén
serviría para controlar dispositivos domóticos compatibles).
O Lenovo Smart Display sae á venda en dous tamaños, con pantalla de 8 e 10
polgadas a un prezo de 199,99 e 249,99 dólares respectivamente, incluíndo ambos
un potente altofalante de 10 watts. Pode empregarse para escoitar música, novas
e podcasts; reproducir vídeos; seguir receitas mentres se cociña; responder preguntas
de distinto tipo; consultar a información meteorolóxica; realizar videochamadas
cos nosos amigos e familiares; facer de marco dixital (amosando as instantáneas
que teñamos en Google Fotos); e controlar distintos dispositivos do fogar
(podendo tamén amosar imaxes directamente de certas cámaras de vixilancia
compatibles).
Aínda que estamos a falar dun dispositivo en concreto, desta volta non está
fabricado por Google, ou sexa, que a compañía de Mountain View só achega a
tecnoloxía, de xeito que nos vindeiros meses veremos outros produtos na mesma
liña de fabricantes como JBL ou LG.
Vídeo explicativo das posibilidades do Lenovo Smart Display