Lenovo adianta como serán os seus cascos de realidade virtual

martes, 3 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Dende Microsoft anunciaron que en 2017 teremos no mercado cascos de realidade virtual para Windows 10 que terán prezos que partirán dos 299 dólares grazas á colaboración con distintos partners entre os que se atopa Lenovo, compañía que está a amosar o seu casco de realidade virtual holográfica de cara ao CES de Las Vegas, de aí que xa acheguen un adianto ao produto dende The Verge.
Polo momento estamos ante un prototipo de casco que funciona coa plataforma Wndows Holographic, que pode conectarse ao ordenador dun xeito semellante a como se fai con Oculus Rift ou HTC Vive, aínda que o casco en si é máis cativo e lixeiro (pretenden que o seu peso final estea no contorno dos 350 gramos, ou sexa, uns 200 gramos menos que o de HTC Vive) contando cun deseño confortable que lembra a PlayStation VR.
Esta solución de VR emprega dous paneis OLED cunha resolución de 1.440 x 1.440 píxeles, de xeito que mellorarían a resolución dos cascos de realidade virtual presentes actualmente no mercado, aínda que polo momento o casco non sería funcional, polo que tardaremos un tempo en ver esta tecnoloxía en funcionamento. Iso si, xa adiantan que a cámara ten dúas cámaras na súa parte frontal, de xeito que pode tomar a realidade para presentar aplicacións de realidade mixta, que é o achegamento á VR que quere facer Microsoft, de xeito que teriamos a tecnoloxía de HoloLens a prezos moi asumibles (dende Lenovo teñen como obxectivo que o prezo estea o máis próximo posible aos 300 dólares).

O casco de Lenovo parece claramente inspirado en PlayStation VR polo que podemos ver nas fotografías publicadas por The Verge

PUBLICIDADE