Lenovo celebra os 25 anos do ThinkPad 700C cun portátil de edición limitada

xoves, 5 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Lenovo anunciou hoxe nos laboratorios Yamato do Xapón, onde naceron os populares ThinkPad, un novo ordenador portátil de edición limitada que servirá para celebrar os 25 anos dun deseño que supuxo toda unha revolución para os ordenadores portátiles profesionais, converténdose en todo un referente en deseño e calidade do que moitos dos seus usuarios aínda gardan gratos recordos.
O ThinkPad Anniversary Edition 25 será un equipo moderno, pero con toques do deseño clásico, como os acentos en cor vermella, os botóns de volume dedicados, o logotipo multicor da marca ThinkPad e o teclado retroiluminado de 7 filas (ao que non lle faltan detalles como a tecla azul de Enter e ou TrackPiont vermello).
Pero este aire retro non impide que estamos ante un ordenador que funcione cun potente procesador Intel Core i7-7500U apoiado por unha gráfica discreta nVIDIA GeForce 940MX con 2 GB de memoria e que incluso ten unha pantalla táctil Full HD de 14 polgadas, ou sexa, que o toque nostálxico non será un atranco para ter un ordenador máis que satisfactorio para o usuario profesional.
De feito, estamos ante un equipo cunha configuración bastante xenerosa, contando con 16 GB de memoria DDR4, 512 GB de SSD, altofalantes estéreo con Dolby Audio Premium, batería cunha autonomía de até 13,9 horas, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, 3 portos USB 3.0, 1 porto USB-C con Thunderbolt 3, saída HDMI, Gigabit Ethernet, lector de tarxetas de memoria 4-en-1, lector de pegadas dixitais e webcam compatible con Windows Hello (para desbloquear Windows con recoñecemento facial), todo nun portátil con 19,95 milímetros de grosor e 1,6 quilos de peso que véndese nos EE.UU. a un prezo de 1.899 dólares (1.622 euros).
O IBM ThinkPad 700C presentado o de outubro de 1992 e deseñado por Richard Sapper, é o equipo ao que se está a render homenaxe, aínda que hai que recoñecer que cos estándares actuais parece moi rudimentario, por buscar a funcionalidade dentro das posibilidades tecnolóxicas da época. Sentou unhas bases que demostraron ser todo un acerto, como constatan os máis de 130 millóns de equipos vendidos dentro desta liña que aínda hoxe recoñecible en equipos con deseño delgado, pantallas con marcos reducidos e interfaces como o touchpad ou a pantalla táctil.

Breve vídeo sobre o ThinkPad 700C

PUBLICIDADE