Lenovo prepara un novo portátil con procesador Haswell e batería intercambiable en quente

martes, 9 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Lenovo engadiu á súa páxina web un novo ordenador portátil do que aínda non se coñece nin a data de lanzamento nin o prezo (que posiblemente estea no contorno dos mil euros), pero que destaca polas súas prestacións, pois o ThinkPad T440s Ultrabook chegará cos novos procesadores Intel Core de cuarta xeración e pantalla IPS de 14 polgadas Full HD, pesando pouco máis de quilo e medio e cun grosor de menos de 21 milímetros.
Pero este equipo tamén ten outras prestacións destacables, como o feito de funcionar con dúas baterías de 3 celas, das que unha delas pode cambiarse en quente (o que resulta moi cómodo para ampliar a autonomía do equipo durante as viaxes, aínda que o equipo con baterías estándar xa ten unha autonomía de ata 6 horas), conectividade NFC (útil para enlazar dispositivos), saída de vídeo VGA (cada vez presente en menos ordenadores portátiles, pero moi práctica para a súa conexión a proxectores de vídeo en presentacións profesionais), altofalantes estéreo con certificación Dolby, micrófono dual con cancelación de ruído, webcam de alta definición (720p), 3 portos USB 3.0, lector de tarxetas de memoria 4 en 1 e un touchpad de grande tamaño e moi configurable.

PUBLICIDADE