Lenovo prepara un tablet con nVIDIA Tegra 3

luns, 14 de novembro do 2011 Marcus Fernández

A presentación do Asus Eee Pad Transformer Prime, que chegará ao mercado en decembro, destacou por estrear a tecnoloxía nVIDIA Tegra 3, e parece que Lenovo vai seguir os seus pasos, xa que dende Engadget desvelan en primicia o que podería ser o novo tablet do fabricante chinés, que funcionaría con Android 4.0 e, aparte da mencionada tecnoloxía de nVIDIA, tamén destacaría por contar con 2 Gb de memoria RAM a 1,6 GHz, un porto USB estándar (cunha pestana para ocultalo), pantalla de 10,1 polgadas, cámara e un lector de pegadas dixitais (que podería servir tamén de joystick óptico.
Polo momento non hai máis detalles sobre este equipo, pero parece que os tablets con procesador de 4 núcleos van ser a tónica durante 2012, e serán a marca a superar polo previsible iPad 3, que segundo os últimos rumores suporía un auténtico cambio con respecto das súas versións anteriores ao dobrar a súa resolución de pantalla (achegándose á pantalla Retina do iPhone 4/4S).

JPEG - 23.4 KB
O futuro tablet de Lenovo con tecnoloxía nVIDIA Tegra 3 contaría con lector de pegadas dixitais

PUBLICIDADE