Lenovo prepara unha consola portátil con Windows 11

xoves, 17 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Tras o éxito da Steam Deck están a ser moitos os fabricantes que ousan entrar no mercado dos ordenadores persoais con forma de consola de videoxogos portátil (mercado normalmente copado por fabricantes chineses pouco recoñecidos), e dende Windows Report desvelan en primicia o que será a achega de Lenovo a este tipo de dispositivos, a consola portátil Legion Go.
As semellanzas desta Lenovo Legion Go cunha Nintendo Switch son innegables, aínda que nesta ocasión os mandos extraíbles que temos ao lados da pantalla non apostan por un deseño plano, senón que optan por ter unha boa ergonomía, polo que o volume que ocupa esta consola é maior que o da Switch (tamén a súa pantalla é maior, cunha diagonal de 8 polgadas).
Ao estarmos ante un dispositivo que funcionará con Windows 11, as súas posibilidades son moi elevadas, xa que podería correr en mobilidade un catálogo de xogos impresionante, sendo capaz incluso de mover títulos bastante esixentes grazas ao seu procesador AMD Phoenix.
A Lenovo Legion Go conta con 2 portos USB-C, toma para auriculares, lector de tarxetas microSD e incluso unha peaña para facilitar a súa colocación sobre a mesa para empregala cos mandos extraídos (tanto en xogos como para consumir contidos multimedia, pois non podemos esquecer que a súa parte central non deixa de ser unha tableta con Windows).
Haberá agora que agardar a que este produto sexa unha realidade para poder comprobar cal é o seu rendemento e, moi especialmente, para coñecer o seu prezo, xa que é un factor realmente crucial para este tipo de consolas que buscan principalmente satisfacer aos xogadores que non queren limitarse ao catálogo que ofrece unha única compañía, ou que simplemente busca gozar dos xogos de PC lonxe do escritorio.

As semellanzas da Lenovo Legion Go coa Nintendo Switch son innegables