Lenovo presenta o seu casco de realidade aumentada

luns, 13 de maio do 2019 Marcus Fernández

Aínda que para usos industriais a solución de realidade aumentada de referencia sexan as HoloLens, Lenovo non quere deixar a Microsoft soa neste ámbito, e no marco do encontro Lenovo Accelerate en Orlando (Florida) presenta ThinkReality, unha marca baixo a que achegará solucións de realidade aumentada que facilite recibir asistencia técnica, reducir tempos de reparación, eliminar erros, axudar en traballos complexos, mellorar a calidade da formación, facilitar a colaboración e aforrar cartos.
O primeiro produto desta marca de Lenovo será o casco ThinkReality A6, que co seu peso de 380 gramos permite superpor información tridimensional sobre a realidade nun campo de visión diagonal de 40 graos e cunha resolución de 1.080p por ollo. Este produto funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 845 integrado nunha caixa con Android que é onde está boa parte da potencia deste dispositivo, permitindo así alixeirar o casco que se coloca na cabeza do usuario.
Este casco sería moi semellante ás HoloLens, coincidindo na súa principal eiva (o reducido cambio de visión), e está pensado para que o usuario poida interactuar mediante ordes de voz, xestos e a mirada, así como con mandos como os dos cascos de realidade virtual, adaptándose así a diferentes situacións. Para percibir o contorno está equipado cun par de cámaras ollo de pez de 13 Mpíxeles, un sensor de profundidade e unha unidade de medida de inercia, de xeito que consegue unha visualización tridimensional, mapeado especial, recoñecemento de obxectos e sobreimpresión de información dixital, ou sexa, unha experiencia de realidade aumentada que pode resultar moi práctica, e que coa súa batería de 6.800 mAh podería durar até 4 horas (tempo máis que dabondo para desenvolver operacións críticas sen quedar sen carga).
Polo momento non desvelaron o prezo desta solución de Lenovo, pero a intención parece clara: ser unha alternativa máis cómoda e lixeira que as HoloLens de Microsoft (confiándose en que sexa unha solución tamén máis económica en vista das súas especificacións).

PUBLICIDADE