Lenovo presenta unha estación de traballo cun volume de pouco máis dun litro

mércores, 21 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Existen moitos perfís de usuario que precisan equipos informáticos de certa potencia, pero non queren sacrificar moito espazo no seu escritorio, e para atender a esa demanda Lenovo vén de presentar o ordenador ThinkStation P320 Tiny, que a compañía considera que sería a estación de traballo máis pequena do mercado con certificación ISV, que mide 182,9 x 179 x 34,5 milímetros (1,13 litros) e pesa 1,3 quilogramos, contando tamén coa opción de incorporarlle un adaptador VESA (o que facilita a súa ocultación detrás dun monitor).
Os equipos ThinkStation P320 Tiny poden equiparse con procesadores Intel Core de sétima xeracións, gráfica nVIDIA Quadro P600, até 32 GB de RAM DDR4 a 2.400 MHz e até 2 TB de almacenamento, contan con 6 portos USB 3.0, 4 miniDisplayPort, 2 DisplayPort, Ethernet e tomas de audio, de xeito que sería un produto moi atinado para profesionais como arquitectos, enxeñeiros o profesionais das finanzas (pois teñen potencia dabondo para mover os gráficos en varios monitores á vez). O seu prezo nos EE.UU. parte dos 799 dólares.

JPEG - 126.9 KB
Os equipos ThinkStation P320 Tiny son aptos para traballar con varios monitores simultaneamente

PUBLICIDADE