Lenovo sorprende na feira IFA cunha tableta con funcinalidades de caderno

mércores, 31 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Na feira IFA de Berlín están a presentarse numerosas innovacións entre as que está a destacar con moita forza a tableta 2-en-1 de Lenovo, a Yoga Book, que en boa medida lémbranos ao Courier de Microsoft (produto que non chegou a ver a luz comercialmente), e que perseguiría como obxectivo servir tanto para o lecer como para a produtividade, permitindo un uso natural do lapis dixitalizador sobre unha pantalla táctil que tamén podería facer de teclado virtual, de xeito que teriamos unha solución que lembra máis a unha libreta que a unha tableta.
A Yoga Book sería unha das tabletas 2-en-1 máis lixeiras (690 gramos) e delgadas (9,6 milímetros) do mercado, que podería gozar dunha autonomía de até 15 horas e que ten un orixinal formato que consiste nunha pantalla IPS Full HD de 10,1 polgadas que como teclado optaría por unha pantalla táctil que presume de conseguir unha experiencia de uso semellante ao dun teclado físico grazas á súa resposta háptica e a tecnoloxía que aprende do uso que se realiza do teclado para adaptarse aos hábitos do usuario.
A meirande curiosidade do Yoga Book é que o seu stylus é de dobre uso, ou sexa, que tanto pode empregarse como un bolígrafo sobre o papel, como serve como lapis dixitalizador sobre o panel que fai de teclado nesta tableta, de xeito que permite a dixitalización instantánea de anotacións, debuxos ou diagramas. Este lapis detecta 2.048 niveis de presión e 100 graos de ángulo, non precisando de baterías para o seu funcionamento (mentres que a tinta do bolígrafo achegaríase mediante recargas de bolígrafo convencionais).
Esta orixinal tableta con formato de libro funciona con procesadores Intel Atom X5, 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, e sairá á venda entre setembro e outubro por 499 euros para o seu modelo con Android e por 599 euros para a versión que funcionará con Windows 10, estando o primeiro en cor dourada ou bronce, e o último en cor negra.

A peza que completa a pantalla da tableta cunha bisagra é realmente unha pantalla táctil que serve de teclado virtual ou de superficie para usar o seu lapis dixitalizador

PUBLICIDADE