LinkToStart chega a Compostela con ideas innovadoras para o empresariado

mércores, 9 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Agora que a cociña está tan de moda e que as novas técnicas culinarias están en auxe, a Fundación Inlea non quere deixar pasar a oportunidade de levar a cabo un obradoiro que axude ás persoas asistentes a “cociñar a súa idea de negocio”, para sermos máis exactos, a súa idea de negocio con base tecnolóxica, e vai convocar en Santiago de Compostela unha xornada na que desenvolver as súas ideas empresariais.
O proxecto, que leva por nome LinkToStart, está pensado para que as persoas asistentes sexan quen de valorar e definir o que é a capacidade emprendedora e tamén para que coñezan os factores intrínsecos que debe ter unha persoa emprendedora á hora de crear e xestionar un negocio.
Máis polo miúdo, este proxecto consta de varios obradoiros. O primeiro deles, Cociña a túa idea de negocio, vai dirixido especialmente a aquelas persoas que queiran crear e xestionar a súa propia empresa e que non teñan claro como comezar a desenvolver a súa idea.
A presentación da iniciativa LinktoStar para este 2011 terá lugar na capital galega o vindeiro mércores 23 de febreiro, concretamente no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, onde Sonia Mulero, a coordinadora do programa, explicará os obxectivos do mesmo e os temas a desenvolver en cada sesión informativa.
Pola súa banda, Jordi Puigdellivol, mentor do programa, dará un relatorio sobre O modelo de negocio ao emprender, e ofrecerá consellos para Starups de balde.
O evento, ten a súa propia páxina en Facebook, onde as persoas interesadas en asistir poderán obter máis información así como inscribirse nas xornadas.

PUBLICIDADE