Livestream presenta un novo trebello para emitir streaming de vídeo sen ordenador

luns, 2 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Para facilitar a realización de transmisións de vídeo a través da Internet dende Livestream comercializan dende 2012 un trebello chamado Livestream Broadcaster que conectado directamente a unha fonte de audio e vídeo (como pode ser unha videocámara) permite lanzar o sinal á Rede sen a necesidade dun ordenador, o que resulta extraordinariamente útil para unidades móbiles e retransmisións dende exteriores, e que agora van resultar aínda máis doadas, xa que estrean unha versión mini que reduce sensiblemente tanto o seu tamaño coma o seu prezo.
O Broadcaster mini mide 73 x 51 x 25,5 milímetros e pesa 110 gramos; aliméntase por USB e conta cunha batería interna recargable cunha autonomía de máis de 2 horas de streaming en directo; recibe vídeo de até 1.080i mediante micro-HDMI, entregando o sinal resultante até 1.080p e 4 Mbps en H.264/AAC; conéctase con Wi-Fi N nas bandas dos 2,4 e os 5 GHz; e pode controlarse mediante unha aplicación móbil para Android e iOS.
O prezo do Broadcaster mini é de 295 dólares, mentres que o modelo de grande tamaño, que agora evolucionan nun Broadcaster Pro, sairá á venda en abril ao prezo que tiña o modelo anterior (495 dólares) que destaca por incluír tamén entrada de audio mini-jack, porto Fast Ethernet e un porto USB no que pode conectar un modem 4G para gozar de conectividade móbil (este novo produto tamén soporta vídeo a 1.080p e batería cunha autonomía de máis de 3 horas).

O Broadcaster mini pode empregarse con numerosas cámaras para emitir o seu sinal en vivo a través de Livestream

PUBLICIDADE