Logitech adapta as súas fundas con teclado aos novos iPad
mércores, 8 de maio do 2024
Aínda que os novos iPad Air e iPad Pro non chegarán a mans dos seus compradores até a semana que vén, Logitech xa anuncia na súa páxina web que as súas fundas con teclado Combo Touch xa están adaptadas aos novos dispositivos, polo que os compradores das novas tabletas que queiran empregalas para funcións máis propias dun ordenador portátil teñen unha alternativa de calidade ao Magic Keyboard a un prezo inferior.
Como exemplo destes novos accesorios temos que o Combo Touch para o novo iPad Pro de 11 polgadas ten un prezo de 259 euros, mentres que para a tableta de 13 polgadas custa 299 euros, prezos que poden parecer elevados, pero son inferiores aos 349 e 399 euros que custa o produto equivalente de Apple.
O Combo Touch para iPad Pro é una funda con teclado que pode colocarse de 4 xeitos diferentes en función do uso que vaiamos dar á tableta (escribir, debuxar, ver ou ler), presenta unhas teclas ben espaciadas de extremo a extremo para escribir comodamente, conta cun trackpad de alta calidade, permite separar o teclado da tableta cando non se usa, as súas teclas teñen retroiluminación, é compatible coa carga do Apple Pencil e o seu deseño protexe a tableta de rabuñaduras e golpes.
O Combo Touch tamén está dispoñible para o novo iPad Air a prezos de 229 e 259 euros para as versións de 11 e 13 polgadas respectivamente, ofrecendo unhas prestacións equivalentes ás do modelo para iPad Pro.