Logitech anuncia unha consola portátil orientada ao xogo na nube
mércores, 21 de setembro do 2022
Hai
varias semanas filtrouse que Logitech
estaba a preparar unha consola portátil orientada ao xogo na nube, e
finalmente presentouse oficialmente a Logitech
G CLOUD Gaming Handheld, un dispositivo con mandos de xogo de precisión,
pantalla IPS Full HD de 7 polgadas, batería de grande capacidade (que permite
unha autonomía de máis de 12 horas) e un deseño lixeiro (só 463 gramos) e
delgado que pretende resultar atractivo para gozar dos xogos de ordenador e
consola a través do poder na nube.
Esta
consola é froito da colaboración entre Logitech G e Tencent Games, e está optimizada
para gozar de xogos a través dos servizos de xogo na nube de Xbox e nVIDIA, así
como dos sistemas de xogo remoto de Xbox e Steam, aínda que ten potencia dabondo
para correr con solvencia moitos dos xogos dispoñibles na tenda de Google Play
(xa que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 720G).
Esta máquina sairá á venda en outubro a un prezo promocional de 299,99 dólares
nos EE.UU. (aínda non coñecemos as condicións de comercialización para o mercado
europeo), polo que será interesante ver se o público estará disposto a pagar
unha cantidade tan elevada por unha consola tan dependente de servizos de
subscrición (e que pode substituírse por un smartphone ou unha tableta con Android).
Vídeo promocional da nova consola portátil de Logitech