Logitech presenta un touchpad sen fíos multi-táctil

martes, 13 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Se o Touch Mouse de Microsoft emula o Magic Mouse de Apple baixo Windows 7, agora vén Logitech e anuncia un produto claramente inspirado no Magic Trackpad, que responde ao nome de Logitech Wireless Touchpad, e que facilita o control táctil de calquera PC con Windows 7 grazas a unha superficie cadrada de 12 centímetros de lado na que poder realizar xestos multitáctiles que van máis alá da experiencia á que estamos afeitos cun rato informático e que custará 49,99 euros (mentres que o equivalente de Apple ten un prezo de 69 euros).
Este panel permite controlar o cursor en pantalla empregando un dedo, desprazarse por páxinas web e documentos con dous dedos á vez e, grazas á súa ampla superficie, tamén incorpora xestos con 3 e 4 dedos para avanzar e retroceder páxina ou mudar de aplicación. Comunícase co PC a través dun pequeno receptor Logitech Unifying (que permite empregar un único dispositivo USB para varios accesorios de Logitech á vez) e pode funcionar ata 4 meses con 2 pilas AA.

JPEG - 43.5 KB
O dispositivo recoñece xestos multi-táctiles

PUBLICIDADE