MSI presenta os seus ordenadores todo-en-un para 2009
xoves, 20 de novembro do 2008
Cando Asustek
introduciu no mercado os seus populares ultraportátiles Eee PC emerxeu o MSI
Wind para facerlle a competencia (e parece que no mercado español está a
imporse este tipo de equipos nas súas versións clónicas de Medion, Advent e
Ahtec), e agora que lanzan o equipo de sobremesa Eee Top dende
MSI responden co Neton, que é un equipo todo-en-un que se venderá en
3 tamaños distintos que van dende as 15,6 ata ás 22 polgadas. Están baseados en
procesadores Intel Atom, podéndose
elixir entre 1 ou 2 núcleos na súa configuración (segundo
se configure con Windows XP ou Vista). Tamén contará coa opción de
pantalla táctil.
O MSI Wind Neton M16 ten unha pantalla de 15,6 polgadas cunha resolución de
1.366 x 768 píxeles, que non sería realmente un equipo integrado (xa que inclúe
unha caixa que se coloca baixo o monitor e na que se inclúen os distintos
portos e a gravadora de DVD) e se venderá a partir de febreiro por uns 400
dólares.
Un mes antes chegará ao mercado o MSI Wind Neton M19, que se venderá a uns 500
dólares e contará cunha pantalla de 18,5 polgadas tamén cunha resolución de
1.366 x 768 dólares, gozando xa da integración na propia pantalla de portos de
expansión e gravadora de DVD, no que sería un interesante equipo completo para
o usuario medio, polo seu prezo competitivo e atractivo deseño.
Pero o máis rechamante desta nova gama de produtos sería o MSI Wind Neton M22,
que inclúe unha pantalla de 22 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080
píxeles (FullHD) que mesmo conta coa opción de incorporar un lector de discos
Blu-ray, sintonizadora de televisión ou mando a distancia e que terá un prezo
base de 800 dólares a partir do mes de marzo. Estariamos claramente ante un
equipo pensado para a reprodutor multimedia que podería unha interesante porta
de entrada no vídeo de alta definición.
- O MSI Wind Neton M16 non está totalmente integrado na súa pantalla