Marshall prepara un smartphone para audiófilos

xoves, 16 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Marshall, o popular fabricante de amplificadores, altofalantes e auriculares, vai lanzar a finais de agosto un smartphone orientado á reprodución musical e a captar aos amantes da súa marca e estética, que xa está dispoñible en pre-reserva a un prezo bastante elevado (549 euros) se temos en conta que estamos ante un terminal con prestacións de gama media.
Dende Marshall London aseguran que o seu smartphone ofrecerá unha experiencia sonora de calidade, grazas aos seus altofalantes duais, presumindo tamén de poder reproducir ficheiros FLAC (sen compresión) de xeito cristalino, e incluso conta con micrófono estéreo para poder realizar gravacións en mobilidade con calidade (para o que tamén conta con tecnoloxía de redución de ruído).
Unha das curiosidades máis interesantes deste smartphone é que na súa parte superior conta con dúas tomas para auriculares, pensando así en que dous usuarios poidan compartir música, contando incluso con reguladores de volume independente (mediante unhas roscas analóxicas laterais que danlle un toque de deseño singular). A reprodución musical tamén pode ecualizarse, de xeito que personalizaremos o xeito de escoitar a música dende un menú de configuración xeral (non tendo que ir aplicación a aplicación). O teléfono incluirá un reprodutor musical pre-instalado que soporta os formatos máis popular como MP3, MP4, AAC...
O smartphone de Marshall ten un acabado cunha textura que lembra aos amplificadores da marca, dándolle unha aparencia moi atractiva e elegante, ao que tamén contribúen detalles metálicos en dourado nos seus conectores e botóns, deixando claro que estamos ante un produto que coida os seus materiais e o seu uso principal, sen entrar a competir co resto de teléfonos no mercado se atendemos ás súas especificacións técnicas: conectividade LTE, procesador Qualcomm Snapdragon 410 de catro núcleos a 1,2 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, pantalla IPS de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, Wi-F N, Bluetooth 4.1 (con aptX), batería de 2.500 mAh, un grosor de 9,8 milímetros e un peso de 145 gramos, que chegará de serie con Android 5.0.2. Venderase inicialmente en Reino Unido, Escandinavia e Países Bálticos, para chegar logo a un total de 22 países.

PUBLICIDADE