Meizu presenta un móbil económico para o mercado internacional

martes, 23 de maio do 2017 Marcus Fernández

Aínda que estamos afeitos a que os fabricantes chineses de smartphones lancen os seus produtos inicialmente en China e só nunhas poucas ocasións podamos velos de xeito oficial no noso mercado, compañías como Meizu pensan cada vez máis no mercado internacional, e así presentan hoxe un novo teléfono para a súa distribución global, o Meizu M5c, que busca ser un produto de entrada con prestacións moi equilibradas e un prezo axustado que pode convertelo nun supervendas.
O Meizu M5c é un smartphone con pantalla de alta definición de 5 polgadas (buscando así un tamaño compacto que facilite un bo agarre), cun procesador de 4 núcleos a 1,3 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), cámaras de 8 e 5 Mpíxeles, dobre SIM e batería de 3.000 mAh que venderase con carcasas en cor negra, dourada, rosa, azul e vermella. O seu grosor é de 8,3 milímetros e o seu peso de 135 gramos.
Sería o primeiro smartphone da compañía en distribuírse internacionalmente con Flyme 6 de serie e incluso soportaría 4G na banda dos 800 MHz (conseguindo así mellores coberturas de banda larga móbil en interiores), deixando claro que estamos ante un móbil coa intención de ter boa acollida en mercados como os europeos.
Polo momento non se confirmou nin o prezo (previsiblemente próximo aos 100 euros) nin a data de lanzamento deste produto para España, pero é de esperar que en poucas semanas estea dispoñible a través das moitas cadeas de distribución que xa comercializan actualmente produtos de Meizu.

JPEG - 78.4 KB
O Meizu M5c venderase en cores bastante atrevidas

PUBLICIDADE