Memoria USB de 128 Gb preparada para facer copias de seguridade
xoves, 22 de xullo do 2010
Pensando no seu
uso para copias de seguridade, Lexar Media anuncia a súa memoria USB Echo SE
con 128 Gbytes de capacidade, o que resulta moi atractivo para usuarios de
ultraportátiles e portátiles (que normalmente teñen capacidades de disco
reducidas) de xeito que, de ter algunha avaría no seu equipo, poderán contar
cunha copia doada de recuperar.
Estas unidades incorporan o software para facer copias de seguridade, facendo
que o proceso de copia dos nosos contidos sensibles unha operación moi sinxela
(pode
programarse para a súa activación con só conectar a unidade ao noso ordenador),
coa vantaxe de poder legar toda a información comodamente no peto, pois estamos
ante unha unidade de tamaño reducido, o que non por iso ten un mal rendemento,
pois ten unha velocidade de lectura de 28 Mbytes/segundo e de escritura de 10
Mbytes/segundo. Tamén soporta encriptación AES de 128 bits para manter os datos
almacenados protexidos de miradas alleas en caso de perda da unidade de
memoria.
A principal desvantaxe da Lexar Echo SE de 128 Gb é claramente o
seu prezo, que é de 499,9 dólares (385,80 euros) aínda que tamén
existen versións máis económicas en capacidades de 16, 32 e 64 Gb.