Memtec presenta o teclado para nenas e nenos, Funkids

xoves, 4 de setembro do 2008 Raquel Noya

Memtec, a compañía nacional de importación de produtos informáticos e de electrónica de consumo para o mercado español, vén de presentar o Bluestork FunKids, un teclado de ordenador especialmente deseñado para os nenos e nenas de entre 3 e 8 anos (o cal non quere dicir que non lle guste tamén aos de trinta e tantos) que dan os seus primeiros pasos fronte ao ordenador.
Está fabricado con materiais resistentes e conta con teclas máis grandes e cores rechamantes, que facilitan a aprendizaxe do alfabeto e dos números por parte dos usuarios máis cativos da casa.
Segundo vén de anunciar a compañía responsable, en España, un 74,4 por cento dos menores emprega decote o ordenador, porén “os usuarios infantís raramente dispoñen de periféricos e accesorios adaptados ás súas necesidades e debidamente homologados”.
Xa que logo, este teclado está pensado para acompañar aos máis cativos da casa na súa introdución ao mundo da informática e as novas tecnoloxías do xeito máis doado e atractivo posible, cos niveis de resistencia e seguridade que esixe tal fazaña.
A ferramenta contén un total de 63 teclas grandes de ata 5 cores distintas que as clasifican segundo sexan consonantes, números, puntuación, vocais... e vai conectada ao ordenador a través dun porto USB que non require instalación.
É compatible con PC e Mac e ten o certificado europeo de non perigosidade EN71.
O seu prezo é de 19,90 euros e, entre outros establecementos, estará dispoñible nas tendas Fnac de todo o territorio español.

PUBLICIDADE