Microsoft lanza o Office Ultimate 2007 cun prezo especial para estudantes

martes, 12 de maio do 2009 Raquel Noya

Microsoft, sabedor de que os e as estudantes de a pé que non teñen un nivel adquisitivo óptimo para facerse con tódolos programas que precisan de maneira legal, acoden as descargas ilegais para obter as distintas aplicacións, decidiu dirixirse nun ton de humor a eles e co lema “Sal do rabaño, sé a ovella negra”, anímaos a que adquiran unha licenza legal de Office Ultimate 2007 por cun prezo de 52 euros, un 91 por cento máis barato do que se pode atopar no mercado.
Microsoft Office Ultimate 2007 ofrécelle aos estudantes un conxunto de ferramentas que os axudará a elaborar documentos de gran calidade, organizar notas de lecturas ou outro tipo de información, atopar de xeito rápido o que buscan e colaborar con alumnos e profesores de distintos lugares do mundo.
Trátase da versión máis completa do paquete ofimático da compañía, que inclúe Microsoft Office Word, Microsoft Excel, Microsoft Power Point, Microsoft Outlook, Microsoft Office Access, Microsoft Office Publisher, Office OneNote, Office Grove e Office InfoPath, todas elas aplicacións do 2007, así como o paquete de idiomas Office e Windows Vista Ultimate Actualización con SP1 a 12 e a 56 euros respectivamente.
Por segundo ano consecutivo, o programa Student Hero de Microsoft, convida ao colectivo de estudantes a ser diferentes e deixar de adquirir os seus programas de maneira ilegal xa que á larga, aseguran, “pódelles custar moi caro”.
Os responsables da iniciativa aseguran, nembargantes, que adquirir unha lincenza legal implica “valores engadidos”, como o feito de acceder aos cursos en liña de Office que se imparten na web de Microsoft ou o acceso de balde a unha inmensa cantidade de obxectos para presentacións tales como debuxos, fotos, plantillas…
Para beneficiarse deste programa, tan só é preciso ser estudante universitario, entrar na web habilitada para tal fin e seguir os pasos para a adquisición da licenza.
O sistema comprobará que o estudante interesado está matriculado na universidade e enviaralle o necesario para descargar e instalar Microsoft Office Ultimate 2007 no seu ordenador.

PUBLICIDADE