Microsoft presenta Surface, o seu xeito de entender os tablets con Windows 8

martes, 19 de xuño do 2012 Marcus Fernández

A pasada noite Microsoft desvelou nun evento en Hollywood unha nova familia de hardware chamada Surface que chegará ao mercado xunto co lanzamento de Windows 8 e Windows RT, e que supón un importante avance no deseño industrial e na atención ao detalle, que sorprendentemente chegou da man de empregados de Microsoft, compañía que normalmente deixaba a fabricación de ordenadores e móbiles a outros fabricantes aos que licenciaba o seu software.
Surface chegará ao mercado en dúas versión distintas: cun procesador ARM e Windows RT, e cun procesaor Intel e o sistema operativo Windows 8 Pro. Deste xeito, Microsoft terá un tablet para usuarios que buscan unha alternativa ao iPad e, por outra, achegarán un equipo máis versátil que tanto poderá operar como tablet como transformarse nun ordenador completo.

A cuberta de Surface pese a ter un grosor de só 3 milímetros, tamén pode funcionar como teclado

Ambos dispositivos conta con pantallas de 10,6 polgadas de alta definición cunha relación de aspecto 16:9 (ou sexa, de 1.920 x 1.080 píxeles) que inclúen unha cuberta protectora de só 3 milímetros de grosor que pode facer de teclado externo (e que venderase en distintas cores para adaptarse á personalidade do usuario), un soporte abatible que facilita a colocación da pantalla en vertical para ver películas ou realizar videoconferencias, 2 cámaras, altofalantes estéreo e 2 micrófonos (optimizados para Skype).
No caso do Surface con Windows RT teremos un tablet cun grosor de só 9,3 milímetros e 676 gramos de peso, cunha batería de 31,5 W-h, microSD, USB 2.0, Micro HD Video, antena 2x2 MIMO, almacenamento interno de 32 ou 64 Gb e aplicacións Office 15.

Os equipos Surface inclúen un soporte abatible que facilita o seu uso en vertical

Pola contra, o Surface con Windows 8 Pro terá un grosor de 13,5 milímetros, 903 gramos de peso, batería de 42 W-h, microSDXC, USB 3.0, saída de vídeo mini DisplayPort, antena 2x2 MIMO, 64 ou 128 Gb de almacenamento interno e a posibilidade de funcionar cun lapis na súa pantalla que consegue unha precisión de 600 puntos por polgada (recuperando en boa medida o espírito dos Tablet PC que promovía Microsoft no seu día).
Dende Microsoft aseguran que este último tablet contará co rendemento dun dos ordenadores ultraportátiles que podemos atopar actualmente no mercado, polo que tamén podemos agardar un prezo semellante, non sendo de estrañar que de lanzamento supere o milleiro de euros, o que parece bastante xusto se atendemos a feito de que estamos ante un hardware punteiro tecnoloxicamente que parece ser o primeiro en casar con fortuna o mellor dos tablets e dos ordenadores portátiles.


A presentación de Microsoft vista en vídeo grazas a The Verge

PUBLICIDADE