Microsoft prevé vender 200 millóns de Windows 7 en tan só un ano

mércores, 23 de setembro do 2009 Raquel Noya

A presidenta de Microsoft Ibérica, María Garaña, que onte aproveitou a inauguración de SIMO para presentar en España o novo sistema operativo da multinacional que representa, o Windows 7, vén de declarar, cando aínda falta un mes para que esta ferramenta saia ao mercado doméstico, que “espera vender 200 millóns de licenzas deste software ata finais de 2010, das cales, 50 millóns seráns distribuídas en Europa”.
Este novo sistema operativo, que aseguran, “ábrese en menos de 20 segundos e aforra enerxía como ningún dos seus antecesores”, pode empregarse cos dedos en ordenadores táctiles, sen necesidade de rato, e é compatible con máis de 80.000 dispositivos.
A presidenta de Microsoft Ibérica destacou que o gran problema que tivo o sistema operativo anterior, o Windows Vista, do que se venderon en tres anos preto de 180 millóns de copias, “é que só era compatible con 12.000 dispositivos”, un atranco que o novo sucesor solventa sobradamente.
María Garaña, que fixo a presentación con Luis Martín, director da división de Windows, destacou como unha das principais características do sistema, “a súa facilidade de uso”, posto que permite, entre outras cousas, manter activas ata 50 ventás á vez e cortar e pegar texto ou fotografías situando dúas ventás na pantalla simultáneamente.
Asemade, ámbolos dous representantes explicaron que Windows 7 incorpora algunhas das posibilidades da mesa táctil de Microsoft (Surface), o que permite ampregar os ordenadores con pantalla táctil co dedo, e moverse dentro dos mapas coa mesma facilidade que coa Surface.
Garaña tamén sinalou as posibilidades que ofrece esta ferramenta para as empresas, un sector no que xa está a comercializarse dende o pasado día 1 de setembro, xa que dende Windows 7, asegurou, “pódese encriptar a información doutros dispositivos, como os USB, e traballar dende o propio fogar accedendo ao intranet da empresa con total seguridade”.
Ademais, aseguran, consume moi pouco, o que se traduce nun aforro en batería e en maior vida para os ordenadores. Trátase dun sistema que se vai instalar nos grandes ordenadores, pero tamén nos ultraportátiles que ata agora levaban o sistema operativo XP, o que suporá, dixo Garaña, “que haberá ordenadores por menos de 500 euros que se poderán manexar cos dedos”.

PUBLICIDADE