Microsoft sorprende presentando o Surface Book 2

martes, 17 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Hai un par de anos Microsoft revolucionou o sector dos portátiles co seu Surface Book, un ordenador ultraportátil que, de separar a pantalla do teclado, convertíase nunha tableta que, aparte de funcionar dos dedos, tamén incluía un lapis dixitalizador, de xeito que tiñamos un dos equipos informáticos máis versátiles do mercado. Por desgraza este ordenador non chegou a venderse oficialmente en España, e hoxe presentaron o seu sucesor, o Surface Book 2, do que tampouco detallaron se o teremos nas nosas tendas ou volverá a ter unha distribución internacional moi limitada.
O Surface Book 2 chega en versións con pantallas de 13,5 e 15 polgadas, de xeito que a primeira sería unha simple actualización dos elementos interiores do modelo anterior, mentres que a versión grande ofreceríase en configuracións superiores, converténdose nun equipo que incluso será válido para traballar coa realidade virtual.
Aseguran que os novos Surface Book 2 terían unha autonomía de até 17 horas e a súa reserva nos EE.UU. abrirase o 9 de novembro, cando os interesados poderán encargar os distintos modelos deste potente equipo que parte dun básico modelo con pantalla de 13,5 polgadas, procesador Intel Core i5, 8 GB de RAM, 256 GB de SSD e gráfica integrada de Intel, cun prezo de 1.499 dólares, mentres para usos máis intensivos (e incluso para correr videoxogos) hai unha versión con procesador Intel Core i7, 8/16 GB de RAM, 256 GB/512 GB/1 TB de SSD e gráfica nVIDIA GeForce GTX 1050 con 2 GB de memoria a prezos que se moven entre os 1.999 e os 2.999 dólares.
O equipo que sería realmente extraordinario é o de pantalla de 15 polgadas, pois ao seu procesador Intel Core i7 acompáñano 16 GB de RAM e unha gráfica nVIDIA GeForce GTX 1060 con 6 GB de memoria, de xeito que as súas versións dependerán da configuración a súa unidade SSD, de xeito que por 2.499, 2.899 e 3.299 dólares poderemos optar a 256 GB, 512 GB e 1 TB de capacidade.
O Surface Book 2 busca ser tanto un equipo para usuarios creativos como para xogadores, mantendo un tamaño moi compacto e contendo o seu peso en 1.534 gramos no modelo de 13,5 polgadas e en 1.905 gramos no modelo de 15 polgadas.
Un detalle curioso do Surface Book 2 é que por fin incorpora un porto USB-C, algo ao que Microsoft ofrecía resistencia, por considerar que confundía aos consumidores. En calquera caso, o novo equipo tamén conta con 2 portos USB 3.1 e portos Surface Connect, así como lector de tarxetas SD, ou sexa, que fuxe da eliminación de portos propia de Apple.

Vídeo de presentación do novo Surface Book 2

PUBLICIDADE