Mighty, o shuffle para Spotify

mércores, 12 de xullo do 2017 Marcus Fernández

En febreiro de 2016 chegou a Kickstarter un interesante proxecto buscando financiación. Tratábase de facer realidade un reprodutor compacto de Spotify que non precisase de smartphone, que tivese unha boa autonomía, que funcionase con auriculares con cable ou sen cable, que puidese levarse enriba comodamente e que tivese un prezo asumible, e pese a conseguir superar sobradamente a súa meta de financiamento (recibiron 300.101 dólares de 2.951 mecenas) os prazos de entrega das recompensas non se cumpriron e pese a que tiñan previsto que o reprodutor Mighty foxe unha realidade en novembro de 2016 non foi até o mes pasado que realizaron os envíos dos produtos aos patrocinadores.
Completada a fase de micromecenado chega agora a comercialización do produto polas canles ordinarias, ou sexa, sen a incerteza de se o produto será o que prometían ou se quedará en simple fume, e dende a páxina web oficial do produto xa aceptan pedidos de xeito que podemos facernos cun Mighty en cor negra, branca ou laranxa por 85,99 dólares (88,48 euros cos gastos de envío incluídos), comprometéndose o fabricante a enviar os produtos antes do 30 de xullo.
Pese ás dificultades para a súa produción estamos ante un reprodutor moi interesante, que moitos xa definen como «o iPod suffle de Spotify», xa que ten un deseño que lembra ao do pequeno reprodutor musical de Apple, pero coa grande diferenza de que en vez de reproducir música achegada a través de iTunes precisa dunha subscrición a Spotify Premium. O trebello é capaz de almacenar máis dun milleiro de cancións, ten unha autonomía de até 5 horas, e resistente a caídas e á auga e non ten problemas de recepción de sinal, xa que baséase en música almacenada fóra de liña.
Para poder pór a punto este novo reprodutor é preciso empregar a súa aplicación móbil oficial, que polo momento non está dispoñible dende España, aínda que é probable que solucionen tal eiva antes de rematar o mes. O reprodutor mide 3,8 x 3,8 x 1,7 centímetros e pesa 17 gramos, polo que é bastante cómodo de vestir (grazas tamén á integración dunha pinza na súa parte traseira), podendo optar o usuario por auriculares Bluetooth ou con conector estándar de 3,5 milímetros para escoitar a música almacenada no mesmo.
Está claro que non é un produto para todos os públicos, pero para certos usuarios que no seu día xa gozaban co iPod shuffle e que pasaron da música comprada á música en streaming temos aquí unha excelente solución que baséase principalmente nun funcionamento sinxelo.

A pinza traseira do Mighty facilita levalo posto dun xeito cómodo

Vídeo promocional do Mighty

PUBLICIDADE